Saturday 04 de May de 2024

Secundino García encadea a súa terceira maioría absoluta


San Sadurniño queda igual que en 2015, aínda que con matices

 

Pois a cousa quedou como estaba: BNG 7, PP 3 e PSdeG-PSOE 1 concelleiro. O mesmo que hai catro anos, aínda que se entramos no detalle dos resultados hai varios matices que merecen comentario. O primeiro é que foi votar o 73,42% do censo, unha porcentaxe case idéntica á de 2015 e sete puntos porcentuais superior á media de Galicia. O segundo é que, malia a perda de electorado, que pasou de 2.677 a 2.510 posibles votantes, o BNG mantén desde 2011 o 57% dos sufraxios e son as outras dúas opcións quen parecen funcionar como vasos comunicantes en canto a transferencia de voto, cun PP que perde máis de tres puntos e un PSOE que recupera case catro, quedando a 42 sufraxios de quitarlle o seu terceiro escano aos populares.

A xornada desenvolveuse sen incidencias e cun movemento de votantes que pouco variou os seus hábitos con respecto ao que vén sendo habitual: afluencia ás mesas nas horas centrais da mañá e repunte de novo a partir das 17.30h. Tamén houbo como novidade o retraso no reconto das municipais, habida conta de que nos locais debían escrutarse primeiro as papeletas das eleccións ao Parlamento Europeo. A candidatura con máis apoios foi a de BNG-Agora Repúblicas con 701 votos, seguida da do PP con 464 e da do PSOE, que colleitou 389. O feito de ter que recontar primeiro as papeletas azuis mantivo a emoción dos resultados municipais ata pasadas as 23.00h., momento en que se deron a coñecer os datos de San Sadurniño e momento tamén no que se confirmaron as previsións que xa apuntaban os resultados das outras seis mesas.

Nas eleccións municipais a tendencia vén marcada polo descenso poboacional, que nos deixou un censo con 167 votantes menos. Unha circunstancia que, porén, non ten a mesma repercusión en todas as candidaturas e de aí que para ver como se distribúen os afectos políticos do electorado haxa que atenderlle principalmente ás porcentaxes, aínda que sen perder de vista o número de votos obtidos por cada candidatura de cara a observar cambios reseñables tanto en subidas como en baixadas.

Así, o BNG obtivo 1.050 votos -57,25% e 73 menos que en 2015- que supoñen a terceira maioría absoluta consecutiva da formación nacionalista e o cuarto mandato para Secundino García como alcalde. Por outra banda, o PP xuntou 501 sufraxios -27,32% e 101 menos que hai catro anos- e o PSOE, seguindo a tendencia do resto de Galicia e do Estado, remonta de 199 a 259, o 14,12%, pero aínda por baixo dos 300 que conseguira en 2011. En termos porcentuais o BNG case calca os resultados, que se manteñen estables no entorno do 57% desde hai oito anos, o PP perde algo máis de tres puntos -do 30,76% de 2011 ao 27,32% de agora- e os que baixan os populares son os que recupera o PSOE, pasando do 10,17% en 2015 ao 14,12% de onte.

Se entramos no detalle dos resultados por mesas, o BNG ganou folgado en todas elas agás nunha, a de Santa Mariña do Monte, bastión tradicionalmente popular que nesta ocasión tamén se decantou maioritariamente por María Belén Trigo. A candidatura nacionalista encabezada por Secundino García terma da maioría absoluta, ademais, medrando porcentualmente en Bardaos e en Naraío e mantendo ben o tipo na mesa máis grande, a de San Sadurniño, onde o PP baixa en número de votos e onde o PSOE con Lois Anxo Rodríguez á cabeza consegue mellorar o seu resultado cuantitativo, pasando dos 49 sufraxios de hai catro anos aos 98 deste domingo.

A cousa, polo tanto, queda como hai catro anos. Alomenos no tocante ao reparto 7-3-1. O que si cambian son algunhas caras. Polo BNG volve á corporación como número dous do grupo Mari Carme Muíño e entra por primeira vez Tomás García. No PP a única que repite é María Belén Trigo e acceden tamén por primeira vez María Esther Díaz Vergara e José Luís Hermida Prieto. Por parte do PSdeG-PSOE estréase Lois Anxo Rodríguez Calvo, quen substituirá a Yolanda Vázquez Pazos.

O pleno da toma de posesión da nova corporación celebrarase o sábado 15 de xuño.